Wednesday 01 de May de 2024

Bergondo organiza o domingo 3 de decembro a xornada de sensibilización ‘Familia e diversidade’


· Con esta iniciativa conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

· A xornada comezará cunha comida dos usuarios e usuarias do programa municipal Universo Diversos e as súas familias.

· A partir das 18 horas, na Senra, proxectarase o documental ‘Outros Camiños’, de Rubén Riós, e haberá unha actuación musical de Mamen Bazarra.

O Concello de Bergondo organiza para o domingo 3 de decembro a xornada de sensibilización ‘Familia e diversidade’, unha iniciativa coa que se conmemora o Día Internacional das Persoas con Discapacidade para recoñecer a súa valía e a constante loita das súas familias na superación de diferentes dificultades ou barreiras que seguen estando presentes no seu día a día.

A xornada comezará ao mediodía, coa habitual comida que organiza o Concello para os usuarios e usuarias do programa municipal Universo Diverso e as súas familias. Un espazo de confraternización no que, ao redor do mantel, compártense dunha maneira optimista e positiva algunhas vivencias ou experiencias inclusivas que respectan as diferentes capacidades e, en definitiva, a diversidade das persoas.

Pola tarde a actividade trasladarase á Senra, cun acto aberto ao público en xeral que comezará ás 18 horas coa proxección do documental ‘Outros Camiños’ de Rubén Riós que narra en primeira persoa a súa experiencia con catro mozos con parálise cerebral que realizan o Camiño de Santiago en bicicleta. Ao finalizar o visionado convidarase as persoas asistentes a facer unha reflexión profunda da man do director, que estará presente, nun ambiente entretido e distendido.

Con apenas dous meses de adestramento e poñendo a súa resistencia física ao límite, Rubén Riós descubrirá no Camiño a intensidade, o esforzo, a loita e a superación destas persoas cheas de enerxía a través dun ambiente cheo de emocións, confidencias, experiencias e diversión. Sen dúbida, unha oda ás persoas con discapacidade, familias, voluntarios e aos mestres que marcan os nosos camiños.

Logo, ao redor das 19:30, no auditorio da Senra terá lugar unha actuación musical a cargo de Mamen Bazarra, unha artista coruñesa multidisciplinar que se move entre músicas latinoamericanas e sen poñer límite á súa arte.

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Máquez, será a encargada de clausurar o acto e anima “a calquera persoa a que participe nos actos dá tarde, como sociedade é moi importante ser conscientes dá riqueza que supón a diversidade e tamén dás barreiras ás que se enfrontan non seu día a día”.